O PSOE votará en contra dos orzamentos para o 2007 por situar a Cerdido á cola dos concellos da comarca.
O portavoz do grupo
municipal socialista en Cerdido, Cándido Prieto,
anunciou hoxe que o seu partido votará en contra dos
orzamentos para o 2007 durante o pleno ordinario que
se celebrará este mércores. Prieto xustifica esta
decisión en que o documento a debatir, que os grupos
da oposición recibiron a pasada semana, “non
aporta nada novo e supón unha clara involución con
respecto a anteriores contas”. Explica que o
presuposto para este ano ascende a 1.031.319,59
euros, 200.000 menos que para o 2006. Unha cantidade
que, para os socialistas, implica que Cerdido queda á
cola dos concellos de Ferrolterra e Ortegal en
recursos económicos. “En boa parte
–apunta Cándido Prieto- como consecuencia da
nefasta xestión do grupo de goberno á hora de
negociar diante doutras administracións, deixando
escapar moitas veces recursos e subvencións”.
Para o PSdeG de Cerdido, a memoria da Alcaldía
lamentándose de que os ingresos son poucos, e
culpando a Deputación de non cobrar o IBI de rústica
ás fincas pequenas con contribución menor nun
Concello coma o de Cerdido, cun minifundismo notable
por carecer de concentración parcelaria, non son máis
que “desculpas de mal pagador”. Lembra
que décadas atrás, cando se intentou facer a
concentración parcelaria foi o anterior alcalde,
tamén do PP, e algún concelleiro os que puxeron aos
veciños en “pé de guerra contra os
técnicos”. A conclusión, para Prieto:
“Quen sembra ventos recolle tempestades”.
Asemade, o socialista censura que dende a Alcaldía
tamén se atribúa ao incremento das tarifas eléctricas
e á suba de carburantes un significativo aumento dos
gastos cando aínda faltan moitos lugares do Concello
sen un alumeado público en condicións.
Soldos para
alcalde e concelleiros
O PSdeG de Cerdido
tamén se sorprende pola decisión do PP de reservar
unha partida de 20.000 euros para altos cargos, o que
supón que por primeira vez na historia da democracia
no Concello de Cerdido un rexidor ou edil, unha vez o
aprobe o pleno, percibirá un soldo. En canto ás
expectativas de ingresos, lamenta que non se
cumpriran no que respecta ao imposto de construccións
a pesar de estar aprobado o PXMOU.
Así as cousas, para os socialistas de Cerdido estes
últimos catro anos de lexislatura foron a
confirmación de que o PP presenta un proxecto
esgotado e que nin sequera foi quen de cumprir as
súas promesas electorais, coma a construcción dun
parque eólico singular, o acondicionamento mediante
asfaltado dos accesos e frentes de tódalas vivendas
do Concello, a construcción dunha residencia de
acollida e de rutas de senderismo, a rehabilitación
de antigos muíños, etc.., promesas que figuran por
escrito nunha carta enviada a todolos veciños.
Saúdos; prensa PSdeG-PSOE