O PSOE pide un pleno extraordinario para que a alcaldesa explique os proxectos sobre o futuro polígono industrial.

Cándido Prieto presentou a solicitude por rexistro ante as dificultades dos grupos da oposición para recibir información do equipo de goberno.

Cerdido, 14 de decembro de 2006. 


O portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE de Cerdido, Cándido Prieto, demandou á alcaldesa da localidade, a popular Ana Rodríguez, a convocatoria dun pleno extraordinario para darlle a oportunidade de que explique aos partidos da oposición os proxectos que baralla o grupo de goberno para a urbanización do futuro polígono industrial por parte dunha empresa privada. Os socialistas, que onte presentaron a súa petición por rexistro en base á lexislación vixente, cren necesaria a comparecencia da rexidora en pleno extraordinario ante a absoluta falta de información por parte do equipo de goberno sobre os pasos que está a dar nun eido que consideran vital para o desenvolvemento do municipio.

zpoligonomonte


Así as cousas, Cándido Prieto reclama as explicacións en pleno dos últimos avances producidos e que se lles facilite a tódolos grupos os datos dispoñibles ata o momento. Neste senso, lembra que a alcaldesa só invitou aos partidos da oposición á primeira reunión celebrada cos afectados e donos de terreos. Nese primeiro e último encontro, Ana Rodríguez limitouse a pór de manifesto o interese dunha empresa privada en urbanizar as parcelas para a creación dun parque empresarial. Nesta liña, o grupo municipal do PSdeG-PSOE asegura que a partires desa data o equipo de goberno non volveu dar conta algunha dos proxectos, a pesares de que a rexidora continúa programando entrevistas cos propietarios.

Polo exposto, os socialistas consideran que o PP debe pensar que calquer intento de fiscalización por parte daoposición resulta unha molestia. Unha actitude e actuación que fai despertar a preocupación do PSdeG de Cerdido sobre a existenza de intereses “opacos” e electoralistas ó redor do asunto.


Saúdos; prensa PSdeG-PSOE Cerdido.