Política Territorial reforzará o firme da estrada AC-110 entre Felgosas e Espiñaredo a instancias do PSOE.

O voceiro dos socialistas de Cerdido, Cándido Prieto, informou que a actuación suporá un investimento duns 488.500 euros.

Cerdido, 11 de xaneiro de 2007.  

O portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE de Cerdido, Cándido Prieto, indicou hoxe que a Delegación provincial de Política Territorial destinará máis de 488.000 euros ás obras para reforzar o firme e instalar sinalización horizontal e vertical na estrada AC-110, entre Felgosas e Espiñaredo. Concretamente, dende o punto kilométrico 10,36 ata o 14,38 e dende o 15,58 ata o 17,05. Prieto indicou que esta actuación terá un prazo de execución de tres meses e mellorará significativamente a seguridade do vial sinalado.

Política Territorial respostou favorablemente á demanda dos socialistas, que en xuño pasado mantiveran unha entrevista co delegado provincial, Jacinto Parga, na que lle expuxeron a necesidade de acometer a actuación sinalada. E, onte mesmo, recibiron a confirmación telefónica por parte do responsable autonómico.

Asemade, o voceiro do grupo municipal socialista avanzou que, durante esta última conversa que mantivo con Parga, pediulle a instalación dun paso de peóns no núcleo de Avispeira. Unha petición que xa trasladara á alcaldesa do municipio. Pola súa banda, o delegado provincial mostrouse receptivo a asumir a iniciativa, aínda que puntualizou que neste caso tería que ser a rexidora quen cursara a solicitude.

(*) Adxuntamos fotografía da reunión que en xuño mantiveron os socialistas Benigno Galego e Cándido Prieto co delegado Jacinto Parga.

DSCN0098

Saúdos; prensa PSdeG-PSOE