O PSOE reclama ao Concello que repare as cubertas do pabillón de deportes para evitar as filtracións de auga.
Afirma que
pista e vestiarios quedaron anegados tralas últimas
choivas, poñendo en perigo aos nenos que utilizan a
infraestructura.
O portavoz
do grupo municipal do PSdeG-PSOE de Cerdido, Cándido
Prieto, alertou hoxe dos perigos que para os usuarios
e, en especial para os alumnos do colexio público,
entraña a utilización das instalacións do pabillón
municipal de deportes ubicado na Barqueira a raíz dos
buracos nas cubertas e da súa precaria
impermeabilización. Explicou que as choivas caídas
nas últimas semanas puxeron de relieve máis se cabe
as deficiencias da infraestructura, denunciadas dende
a súa construcción polos socialistas de Cerdido.
Resultado: pista e vestiarios anegados e formación de
bolsas de auga en distintos puntos das instalacións.
Cándido Prieto subliñou que nenos do CEIP de A
Barqueira, que empregan o pabillón durante todo o
curso para facer ximnasia, sufriron máis dunha caída
nos últimos días como consecuencia desta situación
que, de momento e por sorte, non deixou máis que
avisos. Para os socialistas de Cerdido, as
filtracións de auga son achacables á auténtica
chapuza que se fixo ao construir estas instalacións
sobre unha ladeira e, a maiores, cunha
impermeabilización a todas luces insuficiente. Neste
punto, lembran que na fase de construcción xa se
produciron problemas ao caer un muro de contención.
Por todo isto, o PSdeG-PSOE insta ao Concello a
reservar algunha partida presupostaria para o
vindeiro ano coa que facer fronte a este problema e,
ao mesmo tempo, tratar de captar axudas económicas
procedentes doutras administracións coma a Xunta e a
Deputación provincial. Por último, Prieto conclúe
que, á par que busca financiación para acometer estas
obras, podería facer o mesmo para solventar a
carencia de aparellos de ximnasia ou mellorar os
espazos dos vestiarios.
Saúdos; prensa PSdeG-PSOE