O PSOE censura a negativa do Concello a solicitar unha subvención para adquirir un todoterreo contraincendios.
O voceiro do grupo municipal do
PSdeG-PSOE de Cerdido, Cándido Prieto, censurou hoxe
a negativa da alcaldesa da localidade, a popular Ana
Rodríguez, e do seu equipo de goberno, a solicitar
unha subvención de 50.000 euros con cargo á
Consellería de Presidencia para a adquisición dun
vehículo todoterreo contraincendios, con capacidade
para transportar a seis persoas e dotado dunha cuba
de cincocentos litros.
Durante o pleno celebrado onte á tarde na
corporación, Cándido Prieto interpelou á rexidora
sobre esta cuestión, xa que durante a recente visita
da delegada provincial de Presidencia, Esther
González, abordárase a posible concesión da citada
axuda económica. Unha iniciativa respaldada polos
socialistas en base á importante masa forestal do
municipio e da utilidade do vehículo para tarefas de
vixiancia e de desprazamento dos membros da
cuadrilla.
Nembargantes, Rodríguez e o resto de concelleiros
populares desbotaron a adquisición deste todoterreo
contraincendios argumentando que o Concello non pode
permitirse pór os 16.000 euros complementarios á
subvención, unha estimación que resulta trala
consulta dos presupostos solicitados a distintos
proveedores.
Vixiancia veciñal.
Os socialistas de Cerdido consideran que a desculpa
dos cartos non é máis que un argumento
“peregrino”, polo que cren que esta é
unha oportunidade perdida tendo en conta que é
probable que non volva haber outra convocatoria
similar, e que incluso o vehículo serviría para, nun
futuro, planificar a vixiancia dos montes, que ata o
dagora fan os veciños nos seus propios turismos.
No mesmo pleno pero en outro orde de cousas, os
socialistas tamén solicitaron a apertura da aula de
informática e a biblioteca os sábados polas mañas, xa
que na actualidade somentes está a diposición do
público en horario de 16:30 a 17:30 horas tres días á
semana.