O PSOE oponse ao plan municipal para construir na antiga escola dos Casás dúas vivendas de 52 metros cadrados.

Os socialistas defenden a súa rehabilitación, que financia a Deputación da Coruña, para destinalo integramente a local social

Foto antiga escola Os Casás


Cerdido, 01 de maio de 2007.
 


O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Cerdido, Benigno Galego, e o portavoz municipal socialista e número dous da lista electoral, Cándido Prieto, censuraron hoxe a proposta da Alcaldía de empregar os recursos do Plan de Cooperación da Deputación provincial de A Coruña destinados á rehabilitación da antiga escola dos Casás para construír dúas vivendas na parte alta cunha superficie útil de 52 metros cadrados. Unha proba do escaso espazo apréciase, segundo os socialistas, nos dormitorios, de 10 e 7,16 metros cadrados.

Deste xeito, o PSdeG-PSOE de Cerdido votou en contra desta iniciativa no pleno celebrado onte por entender que o grupo de goberno pretende xustificar catro anos de mandato estéril con dúas vivendas “indignas” e nun lugar pouco axeitado. Ao respecto, lembran que a parte baixa do inmoble destinaráse a local social, un fin que os socialistas defenden para todo o edificio. Así as cousas, Benigno Galego explica que o PSdeG propoñía que o Concello rehabilitase toda a superficie dispoñible para uso e disfrute dos veciños. Asemade e ó non ter reservado ningún terreo para tal fin no Plan Xeral de Ordeación Municipal, defendía a súa adquisición para destinalos á construcción de vivenda social digna con alomenos 85 metros cadrados.

Para os socialistas, a improvisación do PP é tal que nin sequera ten pensado o réxime no que sacalas a concurso: venda ou aluguer. A resposta que recibiu o PSOE a este respecto foi que “xa se mirará”. Palabras literais da alcaldesa, segundo Cándido Prieto. En contrapartida e de gañar a confianza dos seus veciños, Benigno Galego asegurou que tratará de chegar a acordos co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para cederlle terreos e construír vivenda digna.

No pleno de onte, tamén se deu conta da liquidación do exercicio económico de 2006, quedando este cunha débeda de 119.119 euros. Circunstancia que para os socialistas era previsible dada a carencia de recursos do Concello. Prieto apuntou que esta situación, ligada á nula capacidade e pésima xestión do PP, produce estes resultados.

Por último, os socialistas aproveitaron o turno de preguntas para interesarse sobre se o Concello ía dispor dalgunha cuadrilla contraincendios este ano. Unha iniciativa especialmente importante xa que o municipio non está incluído como zona de risco na clasificación da Consellería de Medio Rural. A resposta do grupo de goberno foi que non conta con medios económicos para tal obxectivo, así como que barallaba a posibilidade de que Promacer (a asociación de productores de madeira de Cerdido) se encargase da vixiancia con voluntarios.




Saúdos; prensa PSdeG-PSOE