O PSOE votará en contra dos orzamentos para o 2007 por situar a Cerdido á cola dos concellos da comarca.

O portavoz do grupo municipal socialista en Cerdido, Cándido Prieto, anunciou hoxe que o seu partido votará en contra dos orzamentos para o 2007 durante o pleno ordinario que se celebrará este mércores. Prieto xustifica esta decisión en que o documento a debatir, que os grupos da oposición recibiron a pasada semana, “non aporta nada novo e supón unha clara involución con respecto a anteriores contas”. Explica que o presuposto para este ano ascende a 1.031.319,59 euros, 200.000 menos que para o 2006. Unha cantidade que, para os socialistas, implica que Cerdido queda á cola dos concellos de Ferrolterra e Ortegal en recursos económicos. “En boa parte –apunta Cándido Prieto- como consecuencia da nefasta xestión do grupo de goberno á hora de negociar diante doutras administracións, deixando escapar moitas veces recursos e subvencións”.

Para o PSdeG de Cerdido, a memoria da Alcaldía lamentándose de que os ingresos son poucos, e culpando a Deputación de non cobrar o IBI de rústica ás fincas pequenas con contribución menor nun Concello coma o de Cerdido, cun minifundismo notable por carecer de concentración parcelaria, non son máis que “desculpas de mal pagador”. Lembra que décadas atrás, cando se intentou facer a concentración parcelaria foi o anterior alcalde, tamén do PP, e algún concelleiro os que puxeron aos veciños en “pé de guerra contra os técnicos”. A conclusión, para Prieto: “Quen sembra ventos recolle tempestades”. Asemade, o socialista censura que dende a Alcaldía tamén se atribúa ao incremento das tarifas eléctricas e á suba de carburantes un significativo aumento dos gastos cando aínda faltan moitos lugares do Concello sen un alumeado público en condicións.

Soldos para alcalde e concelleiros

O PSdeG de Cerdido tamén se sorprende pola decisión do PP de reservar unha partida de 20.000 euros para altos cargos, o que supón que por primeira vez na historia da democracia no Concello de Cerdido un rexidor ou edil, unha vez o aprobe o pleno, percibirá un soldo. En canto ás expectativas de ingresos, lamenta que non se cumpriran no que respecta ao imposto de construccións a pesar de estar aprobado o PXMOU.

Así as cousas, para os socialistas de Cerdido estes últimos catro anos de lexislatura foron a confirmación de que o PP presenta un proxecto esgotado e que nin sequera foi quen de cumprir as súas promesas electorais, coma a construcción dun parque eólico singular, o acondicionamento mediante asfaltado dos accesos e frentes de tódalas vivendas do Concello, a construcción dunha residencia de acollida e de rutas de senderismo, a rehabilitación de antigos muíños, etc.., promesas que figuran por escrito nunha carta enviada a todolos veciños.

Saúdos; prensa PSdeG-PSOE