Os socialistas de Cerdido instan ao goberno municipal a reactivar o Plan de Igualdade.
O portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE de Cerdido, Cándido Prieto, demandou ao goberno local que reactive o Plan de Igualdade xa que non cumpriu as expectativas xeradas nin por orzamento nin por resultados. O socialista xustifica a súa valoración no feito de que non se potenciou, nin dende logo se favoreceu, o movemento asociativo da muller. E, proba disto, apuntou que nos orzamentos de 2007, no apartado de subvencións a asociacións, a única entidade de mulleres rurais existente no Concello non recibiu nin un só euro, quedando totalmente discriminada e esquecida por parte do PP aínda contando cunha muller como alcaldesa.
Asemade, Cándido Prieto
critica que na área de formación se están a impartir
cursos que aínda que axudan á integración laboral da
muller, non fomentan unha igualdade real, posto que
seguen adaptándose aos “clichés” típicos
que transmiten a imaxe dunha muller ao coidado dos
anciáns, encargada de facer o xantar e a prancha.
Como exemplos, Prieto cita os últimos cursos
ofertados deste Plan de Igualdade: axudante de
cociña, auxiliar de axuda a domicilio e corte e
confección.
Respecto á implicación dos nenos en idade escolar, o
portavoz municipal socialista recoñece que nalgúns
casos se cumpriron obxectivos, aínda que o fracaso
noutros é latente, como no fomento do deporte
feminino. Por último, os socialistas conclúen
lamentando que se suspendese o servizo de
asesoramento xurídico da muller, así como que non se
incluíra a perspectiva de xénero nos orzamentos
locais a fin de aproximar as políticas de gasto ás
necesidades de poboación maioritariamente feminina.